A herdanza enerxética de Núñez Feijoo (artigo de Xoán Doldán para Tempos Novos)

Tempos Novos(Artigo de Xoán R. Doldán García publicado no número de outubro de 2012 da revista Tempos Novos dedicado case monograficamente a avaliar os anos de goberno de Feixoo á fronte da Xunta de Galiza.)

Sería fácil xulgar o balance da política enerxética en Galicia baixo a presidencia de Núñez Feijoo centrándose no que era imprescindíbel facer e non se fixo, porque o programa electoral co que se presentou obviou os grandes desafíos actuais en materia enerxética.

Ao igual que outras opcións políticas, o programa do PP partía da defensa dun modelo económico que apostaba pola apertura da economía e a competitividade no marco da mundialización. Ignoraba daquela, como o seguen a facer PP e outros grupos políticos, unha realidade que poucos axentes no sistema enerxético mundial discuten, o peak oil, ou teito do petróleo, o momento en que o nivel de extraccións deste recurso alcanza un máximo para logo declinar. Por primeira vez na era do petróleo o crecemento continuado na súa demanda non se verá acompañado por un aumento da oferta, de forma que un fenómeno físico se converte nunha trampa mortal para a economía mundial tal e como a coñecemos. En 2010 este problema foi admitido mesmo pola Axencia Internacional da Enerxía, cando advertiu dun estancamento das extraccións desde 2008.

Ao marxe da data en que se alcance o teito do petróleo, en 2009 os partidos políticos deberían ter considerado a cuestión. Case ningún o fixo, ningún dos maioritarios, non o fixo o PP que non citaba a palabra petróleo en ningunha das 124 páxinas do seu programa. Polo tanto, non se podía agardar que, por exemplo, falasen de algo distinto á cacarexada mundialización, como é a relocalización das actividades económicas e a volta aos circuítos económicos curtos para lograr unha sociedade máis resiliente diante dunha crise enerxética desta envergadura. Non se podía concibir que intentasen deseñar unha política enerxética que se anticipase minimamente a un escenario de emerxencia enerxética orixinado por un problema que desdeñaron.

Mais todo isto non quere dicir que non formularan propostas enerxéticas no seu programa electoral e cómpre prestarlle atención á hora de facer balance.

O seu programa enerxético comezaba por aquela campaña mediática contra a xestión eólica do goberno Bipartito que os tribunais se encargaron de clarificar en contra das teses do PP. A absurda obsesión por manter o liderado galego na enerxía eólica na que participaron os diversos gobernos galegos convertíase de novo nunha das promesas electorais do PP. Promesa que, amén de insensata, non podía ser cumprida pola desafortunada acción lexislativa do goberno de Núñez Feijoo que, movido por intereses espurios, estaba máis preocupado por desfacer o xa feito que por unha difícil reactivación sectorial nun momento de cambios na política eólica e na normativa do goberno central. As promesas de transparencia, obxectividade, seguridade xurídica e fiabilidade fronte a supostas actuacións ilegais anteriores, son cuestionábeis se consideramos sendas sentencias do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza de 2011 e 2012 que recoñecen a legalidade do Decreto 242/07 e anulan a suspensión do procedemento para o outorgamento de autorizacións de parques eólicos conforme a dito decreto. Sen considerar positiva a furia construtora de parques eólicos noutros anos, por causa da ausencia de garantías sobre os efectos ambientais, a creación de emprego e a dinamización económica, resulta evidente o fracaso das súas promesas programáticas de recuperación do liderado pretendido. En 2008 e 2009 rematáronse parques con autorización previa á chegada á presidencia de Núñez Feijoo, engadindo á potencia eólica xa instalada 104,4 MW e 118,5 MW, caendo en 2010 a 44 MW e en 2011 a cero. Ningún dos parques autorizados ao final do goberno Bipartito, logo paralizados polo PP, nin sequera dos posteriormente autorizados polo novo goberno, teñen a día de hoxe demasiados visos de saír adiante.

Outra das medidas para impulsar a enerxía eólica era o repotenciamento de vellos parques, actualmente cun porvir tamén escuro, e a creación dunha plataforma tecnolóxica da enerxía eólica que nunca vería a luz. O Plan Galego de Investigación, Innovación e Crecemento 2011–2015 nin chega a contemplar esta proposta.

Promesas incumpridas

Entre as promesas de 2009 estaba a elaboración dun Plan Galego de Infraestruturas Gasistas. Aínda que non temos constancia de que tal plan chegara a elaborarse, si debemos recoñecer un avance na extensión da rede gasista e no acceso dun maior número de concellos a este combustíbel, se ben isto non supón máis que unha continuación dunha dinámica que se viña dando desde anos atrás. Non sendo un incumprimento electoral, convén destacar que o uso do gas para producir electricidade ou calor non é precisamente a mellor das alternativas nestes tempos de inseguridade enerxética, por se tratar dun combustíbel fósil e importado. Quíxose substituír o carbón ou derivados do petróleo polo gas, mellorando a eficiencia enerxética e reducindo as emisións, pero incidindo nunha falsa saída xa que a solución non está nas non renovábeis. Desóese, por outra parte, a reclamación feita desde hai tempo por gran parte da poboación da comarca de Ferrol que advirte dos perigos potenciais da regasificadora de Mugardos, aínda que esta xordeira tamén a padecen os outros grupos que forman hoxe o Parlamento galego, PSdeG-PSOE e BNG.

Propostas de deseño, como o quimérico “secuestro de carbono” ou a maremotriz, non pasaron de ser unha arroutada snobista.

Caso especial é o apartado no que o PP prometía un impulso ao desenvolvemento da enerxía solar fotovoltaica en vivendas e edificios. Mais as axudas a renovábeis foron reducíndose paulatinamente: un 55% de 2009 a 2011. Esta redución foi xeneralizada para todo tipo de instalacións: para solar térmica as axudas caeron un 73%; para solar fotovoltaica conectada á rede un 25 % -malia o incremento que tiveran no 2010-; en solar fotovoltaica illada un 43% -tamén con incremento no 2010-; para caldeiras de biomasa un 40% menos e para gasificación/biogás a caída é do 60%. Ergo, o anunciado impulso acabou por ser un retroceso.
No entanto, a maior incongruencia entre os compromisos electorais do 2009 e a realidade topámola aquí: “Trataremos de que exista en Galicia unha Tarifa do Último Recurso específica e diferenciada para o noso País, tratando de conseguir unha auténtica compensación polos nosos esforzos de produción”. O goberno amigo de Mariano Rajoy non tardaría en facer precisamente o contrario do que o PP prometía en Galicia. O Real Decreto-ley 20/2012, de 13 de xullo, de medidas para garantir a estabilidade orzamentaria e de fomento da competitividade vai determinar para as Comunidades Autónomas que, como Galicia, “graven, directa ou indirectamente, as actividades ou instalacións destinadas ao subministro eléctrico, con tributos propios ou recargos sobre os tributos estatais, a obrigatoriedade de impor o suplemento territorial nas peaxes de acceso e tarifas de último recurso, debendo ser aboado polos consumidores localizados no ámbito territorial da respectiva Comunidade Autónoma”. Deste modo, o canon que o Bipartito impuxo ás grandes centrais hidroeléctricas e o canon eólico que o goberno de Núñez Feijoo vendeu como unha mellora fronte á participación pública no capital dos novos parques eólicos, forzarán a que galegos e galegas teñamos que pagar máis pola electricidade que consumimos que, por exemplo, os madrileños que non teñen estes gravames porque tampouco soportan no seu territorio as centrais eléctricas que lles subministran enerxía. A batuta de Rajoy acabou por conseguir transformar a promesa do PP de Galicia exactamente no seu oposto convertendo o que debía ser unha compensación nun castigo. Cómpre dicir aquí, ademais, que a participación pública no capital que tanto lle proía ao PP non tería este efecto xa que non é nin un tributo nin un recargo.

Debemos recoñecer que onde houbo un tímido avance é na parte máis imprecisa do programa, as actuacións en aforro e eficiencia enerxética. En 2011 aprobouse o Plan de Aforro e Eficiencia Enerxética na Administración Pública de Galicia 2011-2013, téndose avanzado no diagnóstico do problema aínda que moito menos na execución, se ben este plan non remata até 2013. No resto mantivéronse as actuacións iniciadas polo Bipartito tras a colaboración promovida polo goberno de Rodríguez Zapatero a través do Ministerio de Industria e o IDAE. A Estrategia de Ahorro y Eficiencia Energética en España 2004-2012 (PAE4+) sigue aplicándose hoxe en día e marca o rumbo destas actuacións. Ao marxe do volume das axudas, as medidas son continuistas e non ofrecen sorpresas significativas.

Pola soberanía enerxética

En definitiva, o PP de Galicia iniciaba en 2009 unha lexislatura cun programa enerxético exiguo, que non atendía á urxencia enerxética que xa daquela era evidente e que non fixo máis que agravarse. Aínda así, non foi quen de cumprilo e incluso nalgún caso os resultados foron antitéticos ao prometido. O próximo goberno da Xunta de Galicia non vai poder permitirse o luxo de seguir no mesmo camiño. A crise enerxética é hoxe unha realidade que non vai esvaecerse polo feito de fechar os ollos ou soñar con solucións máxicas que non existen. Debemos reducir a dependencia enerxética galega, reducir o consumo enerxético directo e indirecto e controlar os nosos recursos enerxéticos, en definitiva, buscar a soberanía enerxética. Nesta última lexislatura semella que fomos en dirección inversa.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.