Hai poucos meses que se coñecía que a Xunta de Galicia estaba literalmente ofrecendo o país para as empresas enerxéticas explotaren o posible gas natural que houbese escagallado no noso subsolo mediante a fractura hidráulica ou fracking.
Agora, a acción do grupo parlamentario de AGE ven de acadar o apoio de todo o Parlamento para que se instaure unha moratoria para ese tipo de técnica tan contestada socialmente en todo o mundo. Trascribimos a nota de prensa recibida onte:
Alternativa Galega de Esquerda acada o apoio das forzas políticas do Parlamento para instar á Xunta a unha moratoria do ‘fracking’
O grupo parlamentario, a través do seu deputado Antón Sánchez, quere que Galicia non aplique esa técnica de extracción de gas natural, cuestionada por científicos e ecoloxistas e prohibida en numerosos Estados europeos.
O fracking é unha perigosa técnica, para as persoas e para o medio ambiente, de extracción de gas natural. Tan perigosa que Estados como Irlanda, Canadá ou Francia prohibírona e Australia, Bulgaria ou Sudáfrica estabeleceron unha moratoria. Alternativa Galega de Esquerda (AGE), a través dunha proposición non de lei presentada en comisión polo seu deputado Antón Sánchez, acadou o apoio de todas as forzas políticas con escano no Parlamento para instar á Xunta a “acordar unha moratoria” na súa utilización “mentres non se garanta a súa seguridade e inocuidade para o medio ambiente e as persoas a través dunha lexislación que a desenvolva”. O texto aprobado foi froito dunha emenda de substitución transaccionada que finalmente subscribiron os catro grupos da Cámara.
O fracking consiste en fracturar as rochas a gran profundidade –entre dous e cinco quilómetros– mediante a inxección de grandes depósitos de auga e de area con diversos produtos biotóxicos. As grandes corporacións que empregan a técnica néganse a concretar a composición dos mesmos, pero o certo é que dos miles de litros de auga usados, só se recuperan entre o 50% e o 70%. O resto queda depositada nas entrañas da terra e pode afectar aos acuíferos. Algúns países mesmo detectaron efectos sísmicos debido a esta maneira de extraer gas. Apostar por esta controvertida técnica, cuestionada por técnicos, ecoloxistas e científicos, supón, en palabras de Antón Sánchez, “unha marcha atrás no camiño das enerxías renovábeis”. A vía dos combustíbeis fósiles, que as grandes compañías eléctricas parecen defender ao se valer do fracking, significa, conclúe Sánchez, “un intento de prolongar o pasado no canto de encarar o futuro”.
Parabéns a todas as forzas políticas representadas no Parlamento Galego pola súa sensatez; esperamos agora que a Xunta de Galicia faga caso desta demanda trasmitida polos representantes dos cidadáns.
2 reflexións sobre “O Parlamento Galego insta á Xunta a declarar unha moratoria do «fracking»”