O seguinte texto é unha colaboración do Ateneo Libertario Lume Negro de Ponteareas, que leva tempo analizando e divulgando o que supoñen as plantas de biomasa que se prevé instalar en diversos puntos do noso país:
Unha nova ameaza do progreso: As plantas incineradoras de biomasa forestal primaria
O modelo económico no que vivimos deriva en multitude de prácticas irracionais. Desde o poder económico e o poder político vívese nunha realidade paralela na que os recursos son ilimitados e na que resulta preciso incrementar a produción e o consumo dos diferentes elementos que conforman o mercado sen importar as consecuencias ambientais e sociais que se poidan provocar.
Un dos ámbitos principais dos que se precisa para o correcto funcionamento do modelo capitalista é a enerxía. Galiza é un territorio totalmente dependente das fontes de enerxía fósiles provintes doutros lugares do planeta; sen embargo no ámbito da enerxía eléctrica o territorio galego actúa como gran produtor (principalmente con térmicas, encoros e parques eólicos) e exportador (segundo o INEGA entre o 35 e o 40% da produción expórtase), contando por outra banda con industrias altamente contaminantes e que precisan dun gran consumo eléctrico (como as alúminas). A irracionalidade do modelo incentiva que se incremente a produción enerxética e que apenas nos preguntemos cara onde vai esta enerxía e que implicacións socioambientais ten a produción e o consumo da mesma.
Neste contexto, nos últimos anos ten aparecido, desde diferentes ámbitos, a produción de enerxía eléctrica mediante a “valorización enerxética” dos “residuos” dos montes como unha grande oportunidade para dinamizar o rural, para loitar contra os lumes forestais, producir enerxía “limpa” e “renovable” e xerar emprego. Eslogans que non son capaces de sosterse cunha mínima análise. Cómpre lembrar por unha banda que esta produción está moi subvencionada e que sen as primas e as subvencións non podería ser rendible. A loita contra os lumes é outro dos grandes mitos desta clase de produción enerxética, posto que ao analizar os proxectos das plantas previstas vese claramente como o que se pretende queimar é madeira e non mato. Ademais a xestión dos espazos con pendentes elevadas non serían economicamente rendibles para as empresas que promoven estas instalacións polo que a acción estaría vinculada cos mellores terreos. A “limpeza e renovabilidade” tamén fica en cuestión ao ter en conta que o solo non é renovable e que prácticas intensivas como as vinculadas cos cultivos enerxéticos poden afectar á fertilidade dos montes.
Mesmo organismos nada radicais como a como a Axencia Europea de Medio Ambiente pertencente á Unión Europea teñen cuestionado a presunta neutralidade do carbono na queima de biomasa, elemento clave para a potenciación e a subvención desta clase de enerxía. Así, este organismo indica que
queimar biomasa aumenta a cantidade de carbono no aire (igual que queimar carbón, petróleo ou gas) (…). Dous importantes factores que determinan se a bioenerxía reduce o carbono na atmosfera en comparación cós combustibles fósiles son onde e como se produce e colleita a biomasa. Polo tanto, a lexislación que promove a substitución de combustibles fósiles por bioenerxía, independentemente da fonte de biomasa, pode incluso resultar nun incremento de emisións de carbono, acelerando dese xeito o quecemento global. Está amplamente asumido que a combustión de biomasa é inherentemente “carbono neutral” porque só libera carbono tomado da atmosfera durante o crecemento das plantas. Nembargante, esta asunción non é correcta e resulta nunha forma de dobre contabilidade porque ignora o feito de que ao usar terras para producir plantas para enerxía implica normalmente que esas terras non producen plantas para outros fins, incluíndo o carbón que secuestrarían. Se os cultivos para bioenerxía desprazan bosques, diminúen bosques ou reducen o crecemento dos bosques, que doutro xeito secuestrarían máis carbono, pode incrementar a concentración de carbono atmosférico”…
Para entender a situación actual dos proxectos temos que remontarnos ao ano 2008, momento no que se aproba por parte do goberno galego o Decreto 149/2008, froito do que a través dunha convocatoria saen elixidas un total de 12 instalacións de biomasa que suman en total 80 MW de potencia. Do conxunto de instalacións seleccionadas ao abeiro do Decreto 149/2008 é de onde nace o conflito na Comarca do Condado. A Planta de Ribadetea en Ponteareas de 10 MW (o máximo permitido pola lexislación galega) era unha das seleccionadas. Unha planta que precisaría 106.920 toneladas de biomasa ao ano e que funcionaría 8.000 horas ao ano e que estaba proxectada ao lado de multitude de vivendas e a apenas 300 metros do espazo incluído dentro da Rede Natura 2000 LIC Río Tea (e nin sequera o proxecto tivo que facer unha avaliación de impacto ambiental).
Unha instalación como a que se pretendía instalar tería moitos impactos dos que se podería falar con máis detalle pero que só imos a nomear como o visual, o acústico, o incremento do tráfico pesado (precísanse 320 toneladas ao día), o importante consumo de auga, os impactos na flora e na fauna, as emisións contaminantes continuadas durante 24 horas ao día 333 días ao ano, afeccións á veciñanza, as afeccións á saúde (principalmente polas nanopartículas), o impacto nas actividades turísticas, hosteleiras e agrarias, etc. Pero cremos necesario deternos noutra cuestión: As necesidades de biomasa. A planta do Condado como o resto das plantas previstas non tenhen suficiente biomasa para alimentalas. Nen as empresas (nen a Xunta) poden garantir as 850.000 toneladas que se precisan ao ano para as 12 instalacións como indican os estudos feitos polas diferentes entidades. Eiquí é onde xurde a necesidade da utilización de grandes cantidades de cultivos enerxéticos para poder manter o ritmo de incineración e a produción de electricidade e a creación de figuras para “usurpar” o monte á veciñanza (como as SOFOR).
O emprego dos cultivos enerxéticos está apoiado pola propia lexislación estatal que favorece a queima desta clase de cultivos como se pode comprobar no real decreto 661/2007 que regula a retribución desta clase de instalacións. Dentro das plantas incineradoras de biomasa forestal primaria existen 3 subgrupos dependendo da clase de biomasa que se queime. A retribución da electricidade producida polas plantas de biomasa é diferente dependendo do subgrupo, sendo a queima de cultivos enerxéticos a máis favorecedora para as empresas. É dicir, ás empresas váiselles pagar máis se queiman cultivos enerxéticos que se queiman restos de actividades forestais (con diferenzas de máis de 30 euros por MWh xerado).
Pero a que nos referimos cando falamos de cultivos enerxéticos? Os cultivos enerxéticos son aqueles que teñen como fin a obtención de enerxía mediante a súa queima. Para que entendamos en que consisten esta clase de cultivos imaxinemos plantacións intensivas de eucaliptos, chopos ou outras especies foráneas como a Paulownia spp, Robinia pseudoacacia, Acacia melanoxylon e outras con ciclos de corta de 3, 4 ou 5 anos cunha densidade o máis mesta posible, usando abonos químicos e mesmo rega nalgúns casos coa intención de queimar esta biomasa para obter electricidade. Este tipo de cultivos provoca unha merma da fertilidade do solo xa que se retiran tódalas partes das árbores e non se deixa ningunha materia orgánica no monte. Pensemos en que recentes estudos feitos en Galiza polas entidades interesadas nesta clase de cultivos indican densidades de ate 20.000 árbores por hectárea. Ademais, esta clase de cultivos están xestionados por empresas privadas que empregan pesticidas e maquinaria pesada para recoller a biomasa que, posteriormente, será astillada e secada para a súa posterior queima para producir electricidade.
Na actualidade o goberno galego está preparando unha orde para regular esta clase de cultivos e os cartos públicos e os intereses na investigación desta clase de cultivos non deixa de medrar. Un recente estudo realizado polo Instituto Enerxético de Galicia (INEGA) que ten como título “Análisis de la viabilidad del mercado de biomasa en Galicia y norte de Portugal” considera que un total de 163.486 ha de monte galego poderían ser usadas para a plantación de cultivos enerxéticos en Galicia, cunha produtividade de 1.139.000 toneladas ao ano.
Todos estes elementos de crítica propiciaron a mobilización social e veciñal motivo polo que a empresa promotora da planta de biomasa de Ponteareas ten renunciado á localización inicialmente elixida e ten intentado o traslado a unha nova localización ao concello veciño de Mondariz. Pero tralo traslado físico do proxecto os colectivos concienciados continuamos a loita e o conflito xa é visible en Mondariz.
Desde o Ateneo queremos facer fincapé na irracionalidade da produción enerxética mediante a queima de biomasa dos nosos montes, especialmente da provinte de cultivos enerxéticos. Todas e todos estamos a pagar as subvencións que perciben estas empresas multinacionais e a sofrer os impactos. Desde o noso punto de vista este é simplemente un paso máis no intento de empregar o nicho de mercado do monte por parte das multinacionais e na aposta pola privatización do monte. Nós apostamos, como temos discutido nas diferentes actividades que temos realizado sobre a biomasa, por outro modelo de xestión do monte e de aproveitamento da biomasa. Apostamos por un modelo de xestión do monte social e sostible no que as actividades non provoquen impactos ambientais e sociais e nos que a toma de decisión sexa realizada de xeito comunitario. Existen, na nosa opinión, multitude de formas de xestión do monte moito máis positivas e baratas que un proxecto como o do Condado (cun custe de en torno aos 30 millóns de euros). Así, a biomasa pode aproveitarse para facer un uso térmico social como está realizando a CMVMC de Xinzo (Ponteareas), por exemplo. Pero probablemente o uso ambientalmente máis interesante sexa o de compostar esta biomasa para producir un abono natural e de calidade como leva facendo desde fai moitos anos a empresa Abonos Lourido en Rebordecháns, no Concello de Crecente. Outra opción de interese consiste na introdución de gando para o control e aproveitamento da biomasa. Sen lugar a dúbidas o uso máis xeralizado tradicionalmente para a biomasa forestal foi o do aproveitalo para criar gando no monte. A matogueira mantíñase controlada co gando maior ou menor que se xestionaba nos montes da nosa Comarca, e non fai tantos anos disto. Exemplos actuais tamén temos, destacando a explotación de caprino en ecolóxico da CMVMC de Cabeiras en Arbo. Esta clase de iniciativas permite aproveitar a biomasa forestal ademais de xerar emprego e crear riqueza local.
Agardemos que poidamos gañar esta loita!
(Podes atopar máis información sobre esta cuestión no blog do Ateneo Lume Negro.)
2 reflexións sobre “Unha nova ameaza do progreso: As plantas incineradoras de biomasa forestal primaria”