Véspera de Nada lamenta fondamente a aprobación dunha proposición non de Lei que daría luz verde aos cultivos enerxéticos

Eucaliptos en Galicia (FONTE: Wikimedia Commons)O pasado 14 de marzo o Parlamento Galego aprobaba por maioría unha proposición non de lei sobre os cultivos enerxéticos «en relación co uso da biomasa forestal como fonte enerxética e co seu aproveitamento en proxectos empresariais». A proposta partiu do Partido Popular e, incompresible e sorprendentemente, foi apoiada por AGE.

A proposta consiste basicamente dar luz verde aos cultivos enerxéticos ao longo de todo o país co fin de obter materia prima para o que se dá en chamar biomasa, isto é, os famosos pellets que pasarán a ser incinerados en centrais térmicas de biomasa para a produción eléctrica ou ben como combustible habitual de calefacción doméstica.

O capitalismo ten, entre outras moitas propiedades, a de converter boas ideas en ideas perversas. O aproveitamento de residuos procedentes das actividades forestais é un fin válido para a produción de combustible orgánico (a famosa biomasa) pero o cultivo específico de determinadas especies arbóreas con este fin tórnase nun uso perverso do territorio.

Dende un punto de vista enerxético, este tipo de industria supón o afondamento na produción insostible de enerxía cando nos enfrontamos no medio prazo a un escenario global de déficit enerxético pola rarificación dunha rocha orgánica denominada petróleo, básica non só para o mantemento da civilización na terra tal e como agora a coñecemos, senón tamén para a pervivencia de máis de 7.000 millóns de persoas. As políticas enerxéticas deberan estar encamiñadas a afrontar este reto, en definitiva, limitar a nosa dependencia da enerxía fósil mediante o decrecemento e a produción sostible e extensiva. Os cultivos enerxéticos para a produción de biomasa supoñen un afastamento definitivo destes obxectivos. Curiosamente están consideradas como enerxías renovables cando aínda non hai un aval científico que lles outorgue esa característica de renovable; neste senso podemos preguntarnos cántas unidades de enerxía se precisan para obter electricidade con este sistema.

Dende un punto de vista ambiental, social e territorial supoñen unha auténtica traxedia pois sacrificarán extensións inasumibles de territorio a cultivos forestais intensivos en ciclos curtísimos (de 4 a 6 anos) con especies alóctonas como os eucaliptos entre outros. Os seus efectos sobre a biodiversidade, a fertilidade do chan, os ciclos da auga, a paisaxe, etc. son demoledores. Supoñen sacrificar o territorio para o lucro absurdo dunha pequena elite de especuladores enerxéticos. Xerarán, ademais, máis problemas indirectos como os lumes que se deberán solucionar, paradoxicamente, con cartos públicos. En combinación coas novas obrigas fiscais impostas ás comunidades de montes, suporán deixar en mans dunhas poucas empresas (as sociedades de Fomento Forestal –SOFOR–) a xestión da maior parte do territorio de Galicia. A irreversibilidade de facto na natureza cando se toman decisións como esta é outro elemento a considerar seriamente.

Non nos sorprende a iniciativa do PP, que é unha peza necesaria na trama forestal que se lucra coa explotación insostible do monte nese perverso ciclo de piñeiros e eucaliptos/ lume / industria pasteira e do taboleiro, pero si que nos deixa completamente descougados que unha coalición de novo cuño, como AGE, que se di de esquerdas e a prol da sustentabilidade, apoie semellante aberración enerxética, ambiental, territorial e social. Instamos á rectificación inmediata e a depuración de responsabilidades dentro desta coalición pois ademais, entre outras cuestións, contradí o seu programa de goberno, no que precisamente aceptaron incluír, en periodo electoral as propostas da nosa asociación para preparar o país perante o Teito do petróleo.

[ACTUALIZACIÓN 18:30 H] Membros de AGE puxéronse en contacto connosco para nos explicar que na proposición non de lei devandita non se fai mención explícita aos cultivos enerxéticos aínda que recoñecen que debido a unha redacción ambigua podería entenderse en efecto que non os exclúe. Tamén nos informan de que a semana que vén se vai tramitar outra proposición non de lei a iniciativa de AGE que deixará clara a súa posición de rexeitamento aos cultivos con fins enerxéticos, que segundo nos lembran veñen defendendo repetidamente no Parlamento, nomeadamente mediante as intervencións do parlamentario Antón Sánchez García. Desde a nosa asociación agardamos que esa nova proposición deixe fóra de dúbidas o rexeitamento desta coalición á aberración do cultivo de biomasa, que sexa aprobada polo conxunto do Parlamento e quede así conxurado este perigo que ameaza o país. Tamén agardamos que futuras redaccións das propostas que apoien sexan absolutamente claras e non deixen lugar a dúbidas nin pé a interpretacións opostas ao que en principio defenden.

12 reflexións sobre “Véspera de Nada lamenta fondamente a aprobación dunha proposición non de Lei que daría luz verde aos cultivos enerxéticos

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.