Intervención de Véspera de Nada no acto de clausura da I Asemblea Nacional de Anova

anova-logoAgradecemos a Anova a oportunidade de falarmos diante da súa asemblea nacional, no acto de clausura celebrado hoxe en Compostela. Velaquí o texto da nosa intervención, con algúns hipertextos para ampliar información:


Cando en xullo pasado Anova incorporou nos seus documentos políticos fundacionais o problema do irremediable devalar enerxético da nosa civilización, asumiu unha responsabilidade histórica. O texto aprobado daquela dicía:

“ANova entende que a actual crise afecta a todos os ámbitos da vida por estar motivada principalmente por unha crise de recursos enerxéticos; nomeadamente, o petróleo tal e como recoñece a Axencia Internacional da Enerxía. A sociedade occidental vertebrouse nos últimos 150 anos coa realidade de poder consumir cada vez máis enerxía; mais de aquí en diante vai haber cada vez menos recursos enerxéticos non renovabeis; polo tanto a nosa organización vertebrará as súas propostas de futuro na aceitación desta realidade de cara a unha Galiza Post-petróleo.”

Pouco despois, para as eleccións autonómicas, Alternativa Galega de Esquerda fixo súas un conxunto de propostas da Asociación Véspera de Nada para preparar Galiza perante ás profundas e inminentes consecuencias do Teito da extracción mundial de petróleo (o chamado “Peak Oil”).

Así e todo, na súa actuación parlamentar vimos achando insuficientes e inconexas referencias a esta realidade. Non poderedes diagnosticar axeitadamente a crise nin receitar medidas para combatela se non asumides con todas as consecuencias que coa fin do petróleo barato chegou non só a fin do crecemento económico, senón a fin desta civilización industrial sostida por un descomunal consumo enerxético.

O papel histórico de Anova pasa, ao noso entender, por recoñecerdes con valentía esta fin de civilización e —sen agardar responsabilidades de goberno— aproveitar a sede parlamentar para falar claramente á sociedade galega de que por tras do espolio neoliberal existe unha situación de devalar enerxético irreversible, de que a destrución do noso medio natural e da nosa soberanía alimentar en realidade é un xenocidio que nos está a privar da principal riqueza e medios de vida que nos van quedar a galegas e galegos despois da Era do Petróleo. Se, por contra, Anova se limita a facer unha oposición en termos convencionais, agachando este transfondo enerxético fundamental para comprender o presente, e sobre todo o futuro… ¿será xulgada de maneira diferente aos actuais gobernantes cando comecen os desabastecementos de combustible, cando fallen as cadeas de subministro que enchen os andeis dos supermercados?

Non só facemos fronte a unha queda cuantitativa do petróleo total extraído no mundo, senón tamén a unha caída en picado da enerxía neta que ofrece á sociedade (enerxía da que dependemos nun 90%) e a unha redución na parte que nos toque no reparto mundial debido a un crecente consumo interno dos propios países exportadores e á competencia de países como China e India.

Se non falamos agora alto e claro sobre as demoledoras consecuencias que vai ter o Peak Oil, pode que non poidamos falar máis tarde: a raquítica democracia actual probablemente non sobreviva ao contexto de escaseza, caos e conflito que se achega, e este sexa xestionado pola vía autoritaria como xa podemos percibir na acelerada perda de dereitos sociais e civís e no aumento da represión a todos os niveis.

Xa que logo, reclamamos de Anova coherencia e afouteza. Que aplique onde goberne —como no concello de Teo— todas as medidas ao seu alcance para informar e protexer á poboación. E que lidere en Galiza unha oposición que demostre que os que nos desgobernan están a levar o país nunha dirección suicida, botando a perder os derradeiros anos e recursos que temos para prepararnos como sociedade. Se o fai, non só se converterá nun referente internacional na necesaria mudanza de paradigma senón tamén en referente para a nosa sociedade, que precisa ser consciente de que está vivir non só unha crise senón o colapso dunha civilización insustentable.

Moitas grazas.

Unha reflexión sobre “Intervención de Véspera de Nada no acto de clausura da I Asemblea Nacional de Anova

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.