(Breve comentario de actualidade de Xoán Doldán acerca dunha nova aparecida recentemente nos medios de comunicación galegos acerca dunha estafa piramidal descoberta en Lugo.)
Tan metido na cachola temos o mito do crecemento que seguimos a pensar que hai pesos a catro pesetas. Pensamos que os bancos son uns ladróns (que o son) mais non o sistema de xuros que nos dá intereses en diñeiro que alguén ten que xerar nalgún lado. Isto veuno facendo o sistema bancario porque creaba (e crea, aínda que menos) diñeiro contábel, non soportado sobre a emisión de papel moeda. O sistema bancario pode facer esa estafa piramidal porque cando rebenta entran os Estados a salvar o petate sangrándonos a todos. Mais cando o estafador piramidal é un particular, o Estado si que o persegue.
E non aprendemos, pensamos que cambiando o diñeiro de mans duns estafadores a outros o problema está resolto, aínda que en realidade é pior: para estafadores os profisionais. Sería moito mellor pensalo doutro xeito: non queiras que o teu diñeiro medre, gárdao ou úsao, mais non especules a non ser que esteas no grupiño da elite mundial —eles teñen a posibilidade de recuperalo—. Doutro modo, acabarás por perdelo sen remedio.