O futuro da produción de alimentos

(Artigo de Xabier Vázquez Pumariño publicado co título de Asegurar a sostibilidade na páx 43, do nº 203 de abril de 2014 da revista Tempos Novos. Foron engadidas algunhas ligazóns para a súa publicación neste blog.)

Encarar unha discusión sobre o futuro da agricultura e da gandería sen considerar o contexto ecolóxico a nivel planetario é, a estas alturas, simplemente absurdo. Vexamos algún feito:

  • Somos 7.000 millóns de habitantes A poboación mundial duplicouse nos últimos 45 anos, estímase que en pouco tempo chegaremos a 9.000 millóns.
  • O cambio climático está a ter consecuencias en moitos eidos, de xeito claro na agricultura e na gandería. O que mantén a día de hoxe á humanidade son en realidade uns poucos lugares de Norteamérica, Sudamérica, Europa e Asia, basicamente, adicados á produción de cereais. Pequenas afeccións climáticas en estes lugares poden colapsar a produción de alimentos e non falamos do prezo so, falamos de dispoñibilidade. Isto por poñer un exemplo.
  • A produción de alimentos e a súa comercialización depende da existencia de petróleo barato. Inda que non se poidan dar datas concretas nin modelos de declive exacto, o teito do petróleo é inminente (ver por exemplo Casal Lodeiro, Manuel (2014): Nosotros, los detritívoros. Ed. Touda, Portugalete, tamén dispoñible en internet). Algúns autores calculan que un planeta sen petróleo podería manter tan só 2000 millóns de persoas.
  • Ademais do teito do petróleo, o planeta afronta outros teitos, por exemplo o da auga.

Polo tanto, na miña opinión, calquera planificación ou aposta que se poda facer sobre a produción futura de alimentos ten que ser contemplada neste contexto. Non se trata, logo, de negociar un mellor ou peor tratamento na PAC, optar por un modelo máis ou menos intensivo, etc. Basicamente a produción de alimentos futura ten que pasar pola sostibilidade real a longo prazo, a única considerable, isto é, sen petróleo. Hai que comezar xa a preparar a produción de alimentos sen petróleo, o que afecta non só á forza de traballo senón tamén aos inputs empregados como fertilizantes, piensos, etc. e incluso ao emprego da auga pois a dispoñibilidade da mesma, en moitos lugares, depende tamén de fontes de enerxía barata.

Loxicamente tamén os xeitos de comercialización deben cambiar. A fin do trasfego barato de mercadorías por todo o globo chegará e polo tanto os alimentos que se poderán consumir terán que ser producidos o máis preto posible. Prepararse para este momento dará vantaxes competitivas a quen o faga. Outra cousa é se unha poboación de 9.000 millóns de habitantes será alimentable con produtos de proximidade, pero iso xa é outra historia.

A curto prazo, polo tanto, preservar os recursos dispoñibles, particularmente o chan cultivable e a súa produtividade, é fundamental. Nese sentido, e so a modo de exemplo, cada vez que un prado ou unha horta é cultivada con especies forestais de crecemento rápido (véxase, piñeiros e eucaliptus) é unha traxedia que pagaremos moi cara.

Aqueles que sexan capaces de ofrecer unha cantidade razoable de alimentos diversos a consumidores próximos cun emprego mínimo de enerxía e inputs externos serán o futuro da agricultura e da gandería. Máis que o futuro, a base sobre a que se asentará a humanidade do futuro.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.