(Un comentario de actualidade do noso compañeiro Manuel Amigo acerca da evolución dos prezos do petróleo.)
Estes días estiven a ler varios artigos sobre as flutuacións do prezo do cru, entre eles un de Gail Tverberg. E estame a dar a impresión de que imos vivir un Peak Oil Barato: xeralmente soemos asociar o Peak Oil cunha estratosférica suba dos prezos do cru que farán este inaccesíbel a moitas economías, pero coido que a estratexia consensuada no mundo pasa polo contrario, isto é: miserizar as economias mundiais para que a poboación non teña acceso a unha enerxía aparentemente barata e de paso negando a escaseza do petróleo. Unha persona do Terceiro Mundo que sobrevive con dous euros ao día non consome nin unha gota de petróleo, e unha persoa do Primeiro Mundo que sobrevive traballando por 600, 500, 400, 300, 200… euros ao mes —ou mesmo menos— con contratos por horas, ou sen traballar… vai consumir moito menos petróleo.
Semella tamén que cos beneficios do petróleo moitos países produtores financian os servizos sociais que ofrecen ás súas poboacións: servizos médicos, saneamento, electricidade, servizo de augas, e mesmo alimentos para as clases baixas e ao mesmo tempo alimentan e dan soporte as actividades económicas das clases altas, inversións en infraestruturas, construción, obxectos de consumo, etc.
Hai que ter en conta que a venda de petróleo soe ser a actividade principal nas economías deses países: por dicilo en termos agrícolas, practican o monocultivo, e súa dependencia económica da venda de petróleo é total e absoluta, e mesmo países con moitos máis recursos e acceso a outras materias primas dependen fortemente dos marxes que lles deixa a venda de petróleo para cadrar as súas contas.
Pois ben, reducindo a demanda compénsanse os incrementos de prezos debido á redución da oferta, os millóns de barrís que se deixan de producir compénsanse cos millóns de barrís que se deixan de consumir, e así o prezo do barril mantense nun rango de prezo que non pode ser asumido polas empobrecidas sociedades do Primeiro Mundo, nin é dabondo para comprar a paz social nos paises produtores.
Hai un pequeno inconviente nesta estratexia: para o Primeiro Mundo significa a exclusión social de millóns de persoas condeadas á miseria, e para o resto do mundo, o mesmo pero peor se cabe. Claro que non hai protesta que non disolva unha boa ametralladora de última xeración con un bo tirador e un servidor para a munición.