«Voltar á terra»: si, pero sen enganarnos acerca dos nosos recursos

A raíz da publicación esta semana do manifesto Voltar á terra en defensa do retorno digno das persoas galegas emigradas, varios dos membros de Véspera de Nada fixemos varias críticas tanto no web Praza Pública, como no propio blog da plataforma promotora como na súa páxina en Facebook, derivadas de certas afirmacións que contiña o manifesto e que se conformaban como parte importante do argumentario deste colectivo. Por exemplo, afirman que:

xeramos máis recursos enerxéticos -electricidade- dos que precisamos

Copiamos aquí algunhas das opinións expresadas polos membros da nosa asociación ao respecto:

Casdeiro:

Benvida esta iniciativa… non foi sen tempo. Aínda non lin o manifesto completo, pero en principio chócame que se pidan soamente “cambios políticos que nos permitan vivir dignamente no noso país e emigrar cando queiramos, e non cando nos vexamos obrigadas a facelo” cando as condicións que levan á emigración non soamente son políticas (que tamén, por suposto!) senón tamén ambientais, económicas e de recursos. Isto ímolo vivir cada vez máis a nivel planetario e tamén no noso país, non pensemos que nos imos librar, vivindo probablemente tamén fluxos de inmigrantes climáticos ou por carencia de alimentos. Fálase de favorecer o retorno mediante iniciativas sustentables, o cal é absolutamente necesario, espero que non sexa só un verniz verde e que se vaia comprendendo pouco a pouco a perspectiva que nos espera no país e que debuxamos en http://galiza.pospetroleo.com


“xeramos máis recursos enerxéticos -electricidade- dos que precisamos”
En que baseades esa afirmación? Recoméndovos ler a Xoán Doldán, p.ex. o seu texto “A necesidade dun novo modelo enerxético para Galiza”, incluído no libro Ecoloxía política, publicado por OBenComún. Ou consultar as cifras que se achegan na “Guía para o descenso enerxético”, dispoñible de balde en http://galiza.pospetroleo.com/solicita-o-teu-exemplar/

Non podemos basear manifestos, polo demais moi louvables, en falsas apreciacións nunha cuestión tan vital para diagnosticar o noso futuro.


“Non queremos agasallos, mais tampouco que nos pechen as portas do noso país. A emigración non só supón rachar familias e separarse da xente que queremos, senón desvertebrar o noso territorio, introducir fendas xeracionais irrecuperábeis e condenarnos a continuar no círculo da dependencia que nos ten nesta mesma situación.” Imaxino que falades da dependencia POLÍTICA, mais… que hai da ENERXÉTICA? Non se pode ter unha en conta sen a outra: a primeira soberanía, é a dos recursos. E aí estamos aínda máis lonxe de sermos sobernanos ca no terreo político.

Xoán R. Doldán:

Confundir a electricidade como “recurso enerxético” xa manifesta unha grave confusión, sobre todo cando se dá a imaxe de que o recurso é xerado, é dicir temos a capacidade para “producilo”, dando a imaxe de que podemos ter máis ou menos á vontade. O carbón ou o gas natural importados parece que non teñen nada que ver con esa xeración eléctrica ou como se eses recursos fosen “nosos”. Por riba “non precisamos” eses “recursos”, é dicir temos recursos de sobra.

Algo semellante aparece na afirmación “somos líderes mundiais na produción de novos materiais de aplicación industrial”, é dicir temos materiais a esgalla.

Tamén cando afirman “o mar fíxonos potencia pesqueira”. Demo de potencia!. Certamente somos potencia pesqueira, é dicir en capacidade de extracción e comercialización pesqueira, mais a maior parte desta extracción e da pesca comercializada non procede do noso mar senón do de outros, e os produtos pesqueiros van destinarse maioritariamente ao consumo noutras terras. Tamén somos potencia enerxética, é dicir en capacidade de transformación de enerxía, mais esa enerxía que transforma procede maioritariamente doutros lugares e unha vez transformada acabará noutros lugares.

Mágoa que tendo unha intención de denuncia —que comparto—, acaben por facer ver que temos unha sobreabundancia de recursos e que o que habería que facer e explotalos para dar traballo a todo o mundo. Lonxe diso, a nosa dependencia material e enerxética é manifesta —na análise sociometabólica que temos feito para o Estado Español vése moi ben esta circunstancia—. Ese traballo a facer e toda esta capacidade laboral e intelectual da xente que ten que marchar debería dirixirse a un cambio de modelo socioeconómico, que pase por unha redución na demanda de materiais e enerxía, por unha reorientación produtiva, por unha priorización da cobertura das necesidades internas e non dos mercados exteriores, por unha adecuación no uso das terras a ditas necesidades, por unha reconfiguración dos espazos rural e urbano, por unha mudanza na ideoloxía dominante e na conciencia sociais, nas institucións…

Imaxe de cabeceira da plataforma, subvertida por Casdeiro.

Imaxe de cabeceira da plataforma, subvertida por Casdeiro.

3 reflexións sobre “«Voltar á terra»: si, pero sen enganarnos acerca dos nosos recursos

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.