A necesidade dun novo modelo enerxético para Galiza (I: Antecedentes). Por Xoán Doldán

Xoán R. Doldán

Xoán R. Doldán

Principiamos hoxe a publicación por entregas dun texto fundamental para entender a realidade enerxética do noso país, de ónde vimos en materia enerxética e cara onde imos, para combater moitas desinformacións e mitos comúns tanto entre a xente do común, como entre activistas, políticos e mesmo economistas.

Hoxe comezamos coa primeira parte do texto, da autoría do presidente de Véspera de Nada, o profesor Xoán Ramón Doldán García, quen exerce como profesor de Economía Aplicada na USC e fora director do INEGA. O texto completo está incluído no libro colectivo Ecoloxía Política: Olladas desde Galicia, publicado hai uns meses por oBenComún. Nos días seguintes iremos publicando o resto deste ensaio.


A necesidade dun novo modelo enerxético para Galiza (1ª parte)

Introdución

O actual modelo enerxético é herdeiro do nacido hai uns dous séculos coa Revolución Industrial, cando as fósiles e fisicoquímicas tomaron o relevo das, até daquela dominantes, enerxías renovábeis. Os requirimentos enerxéticos das economías de moitos países deixaron de estar condicionadas pola dispoñibilidade de recursos enerxéticos de seu (Naredo, 2006), dando lugar a un incremento sen parangón no uso da enerxía e permitindo emerxer un mercado mundial onde persoas e cousas estenden a súa mobilidade, ao tempo que se xeneraliza a degradación ambiental asociada ao uso desta enerxía. Por outra parte, fíxose posíbel unha rápida urbanización e unha crecente actividade industrial, sobre todo cando se dá o tránsito ao uso masivo do petróleo grazas ao seu maior contido calorífico, maior manexabilidade, mellor almacenamento… e menor prezo. As propiedades do petróleo serviron para reforzar tendencias intrínsecas á dinámica do sistema capitalista: división internacional do traballo, acentuación das diferenzas no desenvolvemento dos países, consumo en masa… é dicir, serviu como instrumento para a acumulación de excedente e a optimización do beneficio. O uso de todo tipo de fontes enerxéticas para obter electricidade axudará a acelerar a mobilidade, levará a unha certa especialización industrial e facilitará a obtención de novos materiais como os derivados de aluminio, os plásticos… ou o desenvolvemento da electrónica con toda a súa gama de aparatos. Hoxe este modelo está a atravesar unha fonda crise, sendo urxente o tránsito cara outro construído sobre outras bases. Trataremos esta cuestión a partir do caso galego.

Antecedentes históricos: as bases do modelo enerxético galego [1]

Galiza, aínda que dun modo máis tardío, non será alleo aos cambios que se estaban a dar no modelo enerxético noutros lugares do mundo. Un ano despois de que se instalara a primeira central eléctrica no Estado español, comezou a funcionar a primeira central eléctrica na Galiza: a de Segade, en Caldas de Reis (1874). Mais estes anos finais do século XIX correspondíanse cunha etapa experimental que, con base na enerxía hidráulica e no gas, se centraba en fornecer electricidade para iluminación pública. A principios do século XX comeza a verdadeira historia das empresas enerxéticas galegas, fundamentalmente eléctricas, pasando a unha etapa industrial coa construción de centrais hidroeléctricas de maior potencia e máis afastadas dos centros de consumo.

A partir da Guerra Civil as necesidades de consumo eléctrico español dispáranse tanto polo propio proceso de reconstrución que había que abordar como pola afectación que a guerra tivo
sobre a estrutura produtiva eléctrica española. Galiza, case inexplorada no eido enerxético, convértese no lugar idóneo de produción e de fornecemento para o resto do Estado. Nos ríos Miño e Sil comeza unha construción de encoros vertixinosa. O sector enerxético galego, até entón cunha dinámica endóxena e autóctona, tórnase extravertido e inmerso no tramado do sector eléctrico español, característica que permanece até a actualidade.

Nos anos de posguerra o goberno español pasa a ter unha posición activa no sector, promovendo a explotación dos principais ríos galegos e provocando un desenvolvemento acelerado e intensivo da produción eléctrica galega. Ten lugar en Galiza unha penetración de capitais tanto públicos como privados (maiormente vascos) destinados á construción e posta a punto da capacidade produtiva enerxética galega. O capital autóctono intégrase, aínda que subordinado, mantendo o monopolio de distribución eléctrica. Son os anos en que se crea a empresa Fenosa (1943), co obxectivo primordial de participar no proceso de industrialización eléctrica acelerada por parte do capital autóctono e que antes asumira a Sociedad General Gallega de Electricidad (SGGE). Desde a súa creación, Fenosa medra aceleradamente absorbendo pequenas empresas eléctricas e construíndo grandes centrais hidroeléctricas. En 1950 incorpora a Sociedad Hidráulica de Galicia e en 1955 fusiónase con SGGE baixo as siglas de Fenosa, seguindo logo a súa política de absorcións. Fenosa busca cada vez máis vender no mercado galego a enerxía eléctrica xerada, polo que promoverá a instalación de empresas intensivas no consumo enerxético nas proximidades
das súas estacións de transformación.[2]

Entre 1940 a 1962 Galiza multiplicou por trinta e sete a súa potencia eléctrica instalada, alcanzando os 1.323 MW e unha produción de 2.954 GWh/ano. Esta evolución permitiu acrecentar a vocación exportadora do sector eléctrico en Galiza, de modo que en 1962 chegou a significar o 75% da produción.

O proceso de concentración no sector enerxético galego nos anos sesenta xira ao redor de tres grupos de empresas:

  • Con capital maioritario autóctono: Fenosa, centrada sobre todo no mercado galego.
  • Con capital maioritario privado español: Iberduero (na que se integrou en 1963 Saltos del Sil, que gozaba das concesións hidroeléctricas concedidas neses anos sobre o río Sil) e Unión Eléctrica —que no ano 1968 se fai cunha empresa do INI, a Hidroeléctrica Moncabril, con concesións nun afluente do Sil, o río Bibei e mais os seus afluentes, os ríos
    Camba, Conso e Xarés.
  • Con capital maioritario público estatal: Endesa.

Iberduero e Endesa, destinarán a súa produción fundamentalmente ao mercado español. Os tres grupos estaban xa daquela estreitamente vinculados. En 1982 fusiónanse Unión Eléctrica e Fe-
nosa, coa denominación Unión-Fenosa. Esta forte concentración obedece ás necesidades de abordar investimentos cada vez máis elevados, polo que se necesitaba un grupo con solvencia.

A década dos sesenta é tamén o momento en que nace a primeira e, en sentido estrito, única empresa con presenza na enerxía de hidrocarburos, gas e petróleo, Petroliber (1961), con participación maioritaria de capital público. Esta empresa fusiónase en 1985 con EMP (Empresa Nacional del Petróleo), hoxe no grupo Repsol. Destina a súa actividade á adquisición, transporte e refinación de petróleo cru, situando as súas instalacións produtivas en Bens (A Coruña) e Nostián (Arteixo). É unha das cinco factorías do grupo en España dedicadas á refinación cunha capacidade de máis do 16% de Repsol en España e case o 10% do total do Estado.

En 1972 tivo lugar unha mudanza radical no sector enerxético galego, coa inauguración da central térmica de Sabón (con fuel óleo) e, posteriormente, coas centrais térmicas das Pontes, en 1976, e Meirama (con lignitos), en 1980, todas elas na provincia da Coruña, que desprazará a de Ourense en capacidade de xeración eléctrica. Por causa destas novas centrais, en 1980 máis do 60% da produción eléctrica galega era xa de orixe térmica. As minas a ceo aberto de lignitos das Pontes e Meirama permitiron custes de extracción moi baixos para calidades relativamente altas. A explotación mineira e a construción das centrais obedece á apertura da factoría de Alúmina-Aluminio en San Cibrán —Cervo— e Xove, que algúns anos chegará a demandar case a metade de toda a enerxía eléctrica consumida na Galiza, ou a cuarta parte de toda a aquí xerada. A construción da central das Pontes coincide coas conversacións que o INI estaba a manter daquela con dúas multinacionais do sector do aluminio, Alcán e Pechiney, co obxecto de valorar a posibilidade de construír en Galiza unha das súas plantas.[3] Tampouco poden desvincularse das necesidades crecentes de fornecemento enerxético en España neses anos. Explotar os recursos carboníferos galegos era esencial para manter o nivel de crecemento económico nas áreas consumidoras. Desde distintos foros, recomendábase a translación de complexos fortemente consumidores de enerxía aos lugares onde existían reservas enerxéticas; tal é o caso do aluminio. A factoría instalada na Galiza vende case todo o aluminio ao exterior, co agravante de que ao ser un gran consumidor, o prezo que debe pagar pola enerxía utilizada é significativamente inferior ao que pagan outros sectores.

(Continúa na 2ª parte)

Central térmica d'As Pontes

Central térmica d’As Pontes. FOTO: luscofusco. Fonte: Flickr a través de Wikimedia Commons

Notas


1.^ Unha primeira versión máis ampliada deste e mais o epígrafe seguinte pode verse en DOLDÁN GARCÍA, X.R. (2010): «Enerxía». Galicia. Economía.
Tomo LXI: Os sectores e actividades produtivas, p.100-145. A Coruña: Hércules de Edicións.

2. ^ Acádase un acordo coa multinacional francesa Pechiney para a constitución da empresa Aluminio de Galicia, S.A. e mais de Grafitos Eléctricos del Noroeste, que comezarán a súa actividade no polígono da Agrela na Coruña nos primeiros anos da década dos sesenta, sendo daquela as principais consumidoras enerxéticas de Galiza. A estas empresas seguirán outras que se instalarán na mesma zona.

3. ^ O intento, finalmente infrutuoso, de construír unha central nuclear en Xove hai que situalo no mesmo contexto. Este proxecto estaba promovido por FENOSA coa colaboración de Hidroeléctrica del Cantábrico e Electra de Viesgo, conseguindo no seu momento a autorización previa para a súa construción.

4 reflexións sobre “A necesidade dun novo modelo enerxético para Galiza (I: Antecedentes). Por Xoán Doldán

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.