Reproducimos un artigo de Xoán R. Doldán publicado no nº 216 da revista Tempos Novos (maio de 2015). O artigo aborda de maneira resumida un tema xa tratado por Doldán no seu texto A necesidade dun novo modelo enerxético para Galiza:
Os recursos enerxéticos galegos e o mito da sobreabundancia
Galiza dispón dunha considerábel riqueza en recursos enerxéticos: en particular hidráulicos, eólicos, solares ou da biomasa; potencialmente poderían considerarse outros, como os provenientes do mar. A pesar disto, non deberíamos deixarnos levar por unha euforia va, facendo énfase no suposto carácter de potencia enerxética dentro do Estado español que, se algunha vez o tivo Galiza, hai moitos anos que o perdeu. Nesta altura o problema do estrago dos recursos enerxéticos galegos non procede da súa sobreabundancia posta ao servizo de intereses alleos, senón da desatendida escaseza dos mesmos. Na análise destes recursos tenden a confluír, deste modo, dúas actitudes aparentemente contrapostas mais que coinciden nas consecuencias que se derivan do seu diagnóstico.
A teoría da especialización extractivista
Por unha parte, tense concibido o territorio galego como un lugar do que extraer toda sorte de recursos para satisfacer tanto a demanda crecente galega como, fundamentalmente, do resto
do Estado. Esta aposta pola extraversión da economía, da que o sector enerxético é un dos exemplos máis diáfanos, mantén esa perspectiva extractivista, inclusive cando hoxe os recursos enerxéticos explotados -ou enerxía primaria- en Galiza non son suficientes para atender a demanda interna. En 2012, segundo o Balance enerxético de Galicia do Inega, dita demanda só se cubre nun 29 por cento con enerxía dispoñíbel ou secundaria obtida dos recursos propios; apenas serían suficientes para cubrir a enerxía exportada (só equivalen a un 50 por cento desta).
A nosa considerábel capacidade exportadora de enerxía (electricidade, derivados do petróleo
ou agrocombustíbeis) é o produto de décadas de expansión do número de centrais de transformación. En principio, a maioría delas estaba ligada a recursos galegos -coa excepción da refinaría da Coruña ou da regasificadora de Mugardos-, mais algunhas foron desprazando a súa actividade ao uso de recursos importados (é o caso das centrais térmicas de carbón de Meirama e As Pontes e aos ciclos combinados de gas natural asociados).
Con esta actitude promóvese un incremento das importacións de enerxía primaria, ao tempo
que se procura acelerar a explotación dos recursos galegos. Lógrase conservar a capacidade de exportación de enerxía transformada grazas a un aumento da dependencia enerxética. De facto, se consideramos tan só a electricidade obtida con recursos propios, Galiza satisfai dous terzos do seu consumo eléctrico, e non é pouca cousa se o comparamos co caso español (un terzo) ou con outros territorios. Isto non impide que se estea a exportar ao resto do Estado o equivalente ao 85 por cento de toda a electricidade obtida con enerxía primaria galega. Este paradoxo, atendermos un terzo da nosa demanda eléctrica con recursos importados e, á vez, soster unha capacidade extraordinaria de exportación, ilustra até que punto o sector enerxético galego –e o eléctrico en particular- se ten convertido nun auténtico sector de enclave. Nin a recente instalación acelerada de parques eólicos, nin o repotenciamento de centrais hidroeléctricas, nin menos aínda a substitución do carbón autóctono por importado ou as importacións de gas natural ou de materia prima para agrocombustíbeis, serviron para eludir a situación. Pola contra, agravaron a natureza de enclave do sector.
A teoría da sobreabundancia enerxética
Por outra parte, está aquela actitude que denuncia esta explotación dos recursos galegos, mais confunde, non sempre de forma intencionada, a alta capacidade exportadora cunha disposición de recursos propios que permitiría unha independencia enerxética galega, ao desviar esa enerxía exportada para usos internos. Como acabamos de ver isto non sería factíbel.
Eliminando as exportacións de produtos enerxéticos a partir de enerxía primaria importada, sería posíbel cinxir as importacións ás destinadas ao consumo interno galego, eliminando as perdas na conversión e a consecuente contaminación ambiental, reducindo así parcialmente a dependencia enerxética asociada á parte exportada. Con todo, isto non impediría que na parte que corresponde ao consumo interno destas enerxías a dependencia externa fose total. No que se refire á electricidade, deixar de exportala non converte a Galiza en independente enerxeticamente. A non exportación faría viábel reducir a enerxía primaria importada, mais seguiría necesitándose aquela que permite cubrir o consumo eléctrico galego actual –como se indicou, un terzo depende de enerxía importada-. En ocasións, esta actitude acompáñase dunha demanda de menores tarifas enerxéticas –sobre todo eléctricas- como forma de captar, manter ou promover industrias intensivas no uso de electricidade, que favorecerían unha recuperación económica ou unha idealizada industrialización. Particípase desa idea viva no imaxinario colectivo galego da sobreabundancia enerxética que, sabendo usala, conseguiría unha autonomía enerxética plena sen alterar a nosa demanda e consumo enerxéticos, ou inclusive posibilitando un aumento do actual consumo interno. O esgotamento da principal fonte enerxética galega durante trinta anos, o carbón, non evitou que ficara inalterábel dita imaxe.
Óbviase nesta postura que, as actuais condicións de consumo interno, mesmo sen exportación enerxética, impedirían a Galiza o seu autobastecemento. Esa capacidade sería aínda menor se seguise a aumentar o consumo presente. As consecuencias que derivan desta perspectiva son que, ao confundir a existencia de exportacións de enerxía transformada cuns supostos, mais irreais, excedentes de enerxía primaria propia, se contribúe a fortalecer a actual estrutura de consumo e, portanto, a proseguir coa situación de dependencia enerxética. Ademais, ao centrar a problemática só na transformación de recursos e non no uso último da electricidade que se obtén deles, fai bascular a política enerxética cara o aumento da capacidade de explotación de ditos recursos, ao tempo que se manifesta unha total desidia cara as políticas de descenso do consumo enerxético.
Paradoxalmente, mentres se denuncia o estrago por razóns esóxenas, incentívase ou banalízase o estrago por razóns endóxenas ou pseudoendóxenas -algúns consumos internos débense a empresas transnacionais localizadas no noso país, sendo Alcoa un exemplo paradigmático-. Faise crer que é posíbel que os grandes complexos industriais poidan seguir a pagar a electricidade a un prezo máis de tres veces inferior ao resto dos consumidores –como xa ocorre-, cando son estes últimos quen finalmente compensarán esa rebaixa co prezo que eles pagan. Unha baixa xeneralizada da tarifa eléctrica non anularía o mecanismo compensador, se se recuperase unha tarifa específica para grandes consumidores ou se para estes se mantén a posibilidade de participar nunha subhasta onde obter un prezo especial, cando isto resulta inviábel para a maioría da poboación. Resulta dramático comprobar como co tempo mudou o fondo dunha reivindicación en aparencia idéntica. Hai anos era frecuente reclamar para Galiza unha tarifa diferenciada que compensase os danos ambientais causados polo sector eléctrico, ou polo nefasto subministro eléctrico en gran parte do territorio. A idea latente era reverter parte do lucro das eléctricas nun acceso máis barato á poboación que soportaba os efectos negativos atribuíbeis a un consumo que beneficiaba a todo o Estado. Agora esta demanda virou, querendo converter dita tarifa nun efecto reclamo para que as grandes empresas intensivas no uso de enerxía se instalen aquí, é dicir, para pór os recursos enerxéticos galegos, máis unha vez, a disposición de intereses alleos ou para favorecer usos ineficientes da enerxía.
Descenso enerxético e soberanía
O actual modelo enerxético mundial está caduco, a piques de transitar a un novo aínda por
definir. A diferenza doutros anteriores, o seu éxito extremo na provisión de enerxía dispoñíbel é a causa da súa fugaz vida. Os teitos de extraccións do petróleo e o gas convencionais, recoñecidos até pola Axencia Internacional da Enerxía, non poden ser paliados polas tan cacarexadas como falsas alternativas dos hidrocarburos non convencionais que xa mostran límites evidentes. Nestas circunstancias, é posíbel afirmar que en Galiza existen recursos enerxéticos suficientes para evitar a carestía enerxética nun contexto de contracción da oferta enerxética mundial?. A resposta é non, se se mantén invariábel o actual uso interior e exterior.
Alcanzar a autosuficiencia pasa por garantir solucións de acceso democrático á enerxía, a partir de renovábeis, para o conxunto da sociedade. Obrigaría a relegar as políticas que dan
prioridade aos beneficios mercantís privados, e abandonar a práctica da expropiación dos
recursos enerxéticos en favor duns poucos, alegando un interese social que non se observa
cando se desatende o aumento da pobreza enerxética. É ineludíbel esquecer a pretensión de
fundamentar a política enerxética nunha explotación crecente dos recursos; centrarnos nun
descenso no volume de enerxía utilizada non é unha alternativa entre outras, apenas un
situación inevitábel. Podemos, porén, decidir como facelo, a quen e onde debe repercutir e
onde non, que usos son imprescindíbeis e/ou prioritarios e cales superfluos, etc. Cos recursos propios, recuperando o seu control, sen unha orientación ao exterior, sen usos intensivos en enerxía, racionalizando os usos á dispoñibilidade real, a soberanía enerxética podería chegar a ser factíbel.
2 reflexións sobre “Os recursos enerxéticos galegos e o mito da sobreabundancia”