Presentamos o 25 de xullo un novo libro: «Por que é que esta crise non acabará nunca?»

Capa provisional do novo libro que publicará Véspera de Nada.

Capa provisional do novo libro.

En Véspera de Nada, coa colaboración da Asociación Touda, estamos traballando arreo na preparación da edición en galego dun importante libro que fora publicado en catalán e castelán o pasado ano polo Oil Crash Observatory, o grupo formado por Antonio Turiel, Jordi Solé e outros importante divulgadores da cuestión do Teito do petróleo.

O libro é da autoría de Jordi Solé e Francesc Sardà, foi traducido por Manuel Saavedra e contará cun texto de presentación de Xoán Ramón Doldán. É unha obra eminentemente didáctica, que en apenas 50 páxinas a toda cor, presenta o problema do Peak Oil dunha maneira moi gráfica e sinxela, ao alcance de todos os públicos. É, por tanto, unha ferramenta inmellorable para introducir nas consecuencias da fin do petróleo a todas as persoas que aínda non o coñezan.

Os contidos da obra, pensados como un ameno e áxil diálogo a base das típicas dúbidas e a súa resposta, son os seguintes:

  1. Por que é que a crise non acabará nunca?
  2. A Terra é un planeta pequeno
  3. Por que ten tanta enerxía o petróleo?
  4. Dependemos tanto do petróleo?
  5. Quen di que o petróleo está a acabarse?
  6. E non son suficientes os petróleos non convencionais?
  7. Que acontecerá cando suba o prezo do petróleo?
  8. Quen di todo isto? Que fiabilidade ten?
  9. Mais iso non é todo…
  10. Situación das enerxías renovábeis
  11. E a nuclear?
  12. Algunha enerxía alternativa haberá, non é?
  13. E os cientistas que din?
  14. Aínda peor: un proceso acelerado
  15. Continuamos a traballar…
  16. Analiza antes de crer: infórmate, indaga!
  17. Cando acontecerá?
  18. «Non podo crelo, non pode ser certo!»
  19. «Pero haberá algunha solución, non é?»
  20. E eu, que podo facer? Ti decides
  21. Alternativas en marcha
  22. Bibliografía

O libro presentarémolo o día 25 de xullo dentro do Espazo das letras e das ideas do Festigal 2016, en Compostela, onde o teremos tamén á venda.

Aínda así, como sabemos que esta obra será de sumo interese para as persoas que xa leron outros títulos publicados por Véspera como a Guía para o descenso enerxético, O fim do petróleo ou A esquerda ante o colapso da civilización, na medida en que é a ferramenta ideal para presentarlles o problema ás nosas amizades, parellas, fillas e fillos, familiares, colegas de traballo ou militancia (podemos agasallárselo, prestárllelo, ou simplemente usalo como apontamentos básicos para nós sabermos responderlles as súas típicas dúbidas), imos ofrecer a posibilidade de precompra a todas esas persoas que nos axudaron a editar esoutros títulos, a un prezo especial. Enviaremos información por email a todas elas para que poidan acollerse a esta oferta vixente só até o día 24 de xullo.

Non perdades a oportunidade de conseguir unha obra fundamental para o labor divulgativo dun dos principais problemas do noso tempo, preparada por un dos colectivos que máis sabe sobre el e máis experiencia ten divulgándoo en todo o Estado Español.

5 reflexións sobre “Presentamos o 25 de xullo un novo libro: «Por que é que esta crise non acabará nunca?»

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.