Xoán Doldán fala no Parlamento de Galicia sobre Peak Oil e a necesidade de decrecer no consumo enerxético

xoan doldan fala en la voz do teito do petróleo

Foto de arquivo: La Voz de Galicia

O pasado mércores día 6 de setembro, o noso compañeiro e vicepresidente da asociación Véspera de Nada, Xoán Ramón Doldán, compareceu en sede parlamentaria durante o proceso de debate en torno á Proposición de lei, de iniciativa lexislativa popular, de medidas para garantir a enerxía como servizo público e contra a probreza enerxética, promovida pola CIG mediante a recollida de 18.000 sinaturas. A comparecencia do profesor Doldán foi a proposta do grupo de En Marea, e ante a Comisión 6ª de Industria, Enerxía, Comercio e Turismo, do Parlamento.

Publicamos hoxe no noso web o documento coa intervención íntegra de Doldán (agás as respostas ás preguntas posteriores dos membros da Comisión), da que salientaremos neste post algúns parágrafos de especial significación para o labor difusor da nosa asociación. Antes de nada, expresamos a nosa satisfacción ante esta oportunidade, aínda que fora breve, de falar no noso Parlamento sobre o Teito do petróleo, sobre o modelo enerxético galego, do mito do excedente enerxético galego, sobre os problemas da tarifación reducida para empresas como Alcoa, e da necesidade de decrecermos no consumo de enerxía no país. Esta presenza do concepto do Decrecemento no Parlamento de Galiza prodúcese xusto un día antes de que fora debatido tamén, cun alcance máis amplo, no Parlament de Catalunya grazas a unha proposta da CUP. A continuación, fragmentos da intervención de Xoán Doldán:


(…) o papel da economía galega na división do traballo internacional mostra signos propios dunha economía dependente convertida nunha sorte de maquila da economía globalizada. Cómpre destacar aquí, polo tema hoxe tratado, o sector da metalurxia non férrea, é dicir, de transformación do aluminio. Non en van, a este sector é atribuíbel cando menos o esgotamento da metade do carbón das Pontes para unha das súas factorías, sendo hoxe unha actividade que representa máis da cuarta parte de todo o consumo eléctrico galego e case a metade do consumo eléctrico industrial (INEGA, 2010).

(…)

O sector enerxético galego podemos cualificalo como o dun auténtico devorador de enerxía de alta entropía: as crecentes importacións de enerxía primaria (petróleo, gas natural, carbón…) fortaleceron o carácter non renovábel da base enerxética galega. Como esa enerxía primaria debe ser sometida a procesos de transformación para a obtención de enerxía dispoñíbel (electricidade, combustíbeis líquidos, calor, etc) cáusase unha elevada disipación enerxética e, en consecuencia, unha elevada polución atmosférica real, ademais dunha ameaza ambiental constante por mor de posíbeis accidentes. (…) Talvez a enerxía intercambiada no mercado teña repercutido positivamente no PIB do país e, por certo, moito menos no emprego xerado que se ten ido reducindo ao longo do tempo por ser unha actividade intensiva en capital e non en traballo. O que non ten tido esa mesma repercusión no PIB foron eses efectos sociais e ambientais negativos. Ou dito doutro modo, o peso no PIB do sector enerxético é posíbel grazas a eses efectos negativos.

(…)

Outro aspecto a destacar da situación enerxética galega é o carácter cada vez máis extravertido e dependente do modelo enerxético actual. Acho que non é unha esaxeración cualificar ao sector enerxético galego como de enclave. (…) Na actualidade, malia estar a utilizar un volume importante de recursos propios (en 2015, 2325 ktep, 18% do total), a capacidade de transformación enerxética está movida por importacións crecentes de enerxía primaria (10682 ktep, 82%) para exportar enerxía transformada (expórtanse 3721 ktep, o 37% da enerxía dispoñíbel)(Inega, 2017). De facto o volume da enerxía exportada supera á enerxía primaria con recursos propios galegos. (…) a substitución de carbón autóctono por carbón importado, os novos ciclos combinados que necesitan importar gas natural e, en moita menor medida, a importación de materia prima para a obtención de agrocombustíbeis, agravan a natureza de enclave do sector. Se a isto sumamos que o sector enerxético está controlado por unhas poucas empresas oligopólicas de capital non galego e mesmo non español, o carácter de enclave é aínda máis evidente.

(…)

(…) a dependencia enerxética galega alcanza na actualidade o 82%, sendo do 73% no Estado español –se contamos a nuclear chegaría ao 80%– e do 54% na Unión Europea (Eurostat, 2016). (…) as causas desa dependencia (…) teñen que ver tanto co consumo interno de certas actividades de gran consumo como, sobre todo, co papel fornecedor de enerxía de Galiza para o resto do Estado español. Ambos repercuten nunha maior necesidade de importacións enerxéticas e nunha maior dependencia. Se eliminamos a parte da dependencia enerxética galega atribuíbel á enerxía dispoñíbel que xerada aquí se consume fóra -as exportacións de enerxía-, a dependencia enerxética galega reduciríase a menos do 7%.

(…)

(…) estamos nunha situación mundial de emerxencia enerxética, marcada por fenómenos como o teito de extraccións do petróleo convencional e mesmo do non convencional, ou da ameaza dese mesmo teito de extracción en poucos anos para o gas natural. Esta emerxencia é menor en Galiza, mais existe. Cumpriría pois, desde a miña perspectiva, dar os pasos necesarios para que esa emerxencia se reducise ou desaparecese. Nestas ecuacións de recursos primarios dispoñíbeis e importados, enerxía transformada e consumo enerxético (incluíndo as exportacións) aos que me referín, deberíamos ter en conta varios aspectos:

  • Todo aumento da importación de enerxía primaria aumenta a dependencia enerxética do país. En consecuencia, debería tratar de reducirse. Todo aumento da transformación de enerxía primaria en enerxía dispoñíbel incrementa a disipación de enerxía –maior se é en base a enerxías non renovábeis-, e supón ademais o aumento de impactos negativos sociais e ambientais de diverso tipo. En consecuencia, debería reducirse ou non incrementar a capacidade de transformación enerxética, en particular das enerxías non renovábeis, e só en condicións de altísima esixencia social e ambiental aumentar das renovábeis.
  • Todo aumento da transformación de enerxía primaria en enerxía dispoñíbel require ou ben de máis enerxía primaria importada, ou ben dunha maior explotación dos recursos enerxéticos autóctonos, ou ben o incremento de ambos. No primeiro caso aumenta a dependencia enerxética, no terceiro pode chegar a aumentala, e nos tres casos aumentarían os impactos negativos sociais e ambientais.
  • Todo aumento do consumo enerxético final esixe o aumento da transformación de enerxía primaria en secundaria. En consecuencia, debería reducirse o consumo enerxético. Non son suficientes aquí as políticas de eficiencia enerxética, aínda sendo necesarias, polo amplamente coñecido efecto Jevons ou efecto rebote, que fai que esas melloras na eficiencia se salden finalmente cunha redución do consumo de enerxía por unidade de produto, mais cun aumento do consumo total de enerxía. Sería preciso tratar de reducir o montante total de
    enerxía consumida dentro ou fóra.
  • Todo aumento da capacidade exportadora de enerxía ou o seu mantemento nos niveis actuais leva aparellada ou ben un aumento da transformación de enerxía primaria en secundaria, ou ben a redución da dispoñibilidade de enerxía para usos internos e a imposibilidade dun maior consumo interno. En consecuencia, son incompatíbeis as políticas de aumento do consumo interno e de mantemento ou aumento das exportacións, a non ser que se aumente a capacidade de transformación da enerxía primaria.

Polo tanto, non é posíbel reducir a dependencia enerxética e os impactos sociais e ambientais negativos ao tempo que se aumenta a importación de enerxía primaria, se amplía a capacidade de transformación con recursos propios, se incrementa o consumo interno e se manteñen as exportacións. Citando un dito popular: “todo nun saco non colle”. Algo deberá quedar fóra, haberá que optar por un modelo enerxético ou outro, sabendo que un pode empeorar a situación de emerxencia enerxética e outro pode afastarnos dela.

(…)

Galiza exporta enerxía eléctrica desde hai varias décadas, e mantén hoxe esa capacidade de exportación (38% da electricidade xerada en 2015) (Inega, 2017). Agora ben, “o pan semella ser o mesmo, pero o trigo que fai posíbel non”. Se noutros tempos había recursos propios suficientes para manter esa capacidade de exportación, iso mudou radicalmente desde o esgotamento do carbón galego e xa estaba a mudar desde algúns anos antes. Exportamos electricidade porque antes importamos outra enerxía (o 48% da electricidade procede de recursos propios e o resto de recursos importados, sobre todo carbón e gas natural). E nesa transformación entran na ecuación os temas da dependencia enerxética e os impactos sociais e ambientais. Podemos ignoralos na toma de decisións, mais non por iso desaparecen. A exportación de electricidade non supón sobreabundacia nin enerxética nin eléctrica, se a houbese non serían precisas as importacións de enerxía primaria para mantela.

(…)

Desde a miña perspectiva, o que debería poñerse en cuestión é o papel de intermediación enerxética de Galiza, tanto como fornecedor de enerxía para o exterior, como de lugar de asentamento de actividades intensivas en enerxía.

(…)

Sendo máis pobre a sociedade tamén aumenta a pobreza enerxética. Talvez só por detrás dos alimentos e a auga, a enerxía emerxe como un elemento determinante á hora de establecer uns mínimos vitais considerados dignos. Sendo así, cabería afirmar que o acceso á enerxía debería ser universal e estar asegurado cando menos nunha cantidade que permita esas condicións de vida dignas. Desde esta perspectiva, a enerxía debería ocupar un papel central na sociedade e non ser tratado como unha cuestión sectorial ou ocasional, superábel con pequenas reformas. Baixo esta consideración, mesmo sería pertinente utilizar un concepto máis amplo e ambicioso que o de pobreza enerxética, que nos fala dunha condición temporal, e pasar a falar de vulnerabilidade enerxética que nos remite a problemas de maior calado e cun carácter máis estrutural: por qué determinados individuos, fogares ou estratos sociais son máis vulnerábeis e son susceptíbeis de chegar máis facilmente a unha situación de pobreza enerxética (Bouzaroski e Petrova, 2015).

(…) como actuar contra ela? Na miña consideración, cabe actuar de varias maneiras (…):

  • Mellorar a situación económica das familias. (…) Evitar situacións de pobreza económica severa ou de exclusión social, garantindo uns ingresos mínimos (…)
  • Reducir os gastos enerxéticos. (…) debería repensarse (…) se todo aquilo para o que
    utilizamos a enerxía no ámbito doméstico podería ser fornecido doutro xeito con menos cargas económicas directas para as familias (por exemplo, o transporte). Tamén deberíamos reflexionar sobre cal é o nivel que poderíamos ou deberíamos considerar básico. (…) Se consideramos que a enerxía nun determinado nivel a considerar é unha necesidade básica, cabería establecer un prezo básico (…) penalizando consumos que poidan
    considerarse claramente estragadores ou superfluos. (…)
  • Facilitar que as unidades de convivencia, a título individual ou colectivo (aldeas, comunidades de veciños, barrios) poidan desenvolver sistemas de obtención de enerxía fóra das canles do mercado ou con fórmulas que permitan dispor dun mínimo de autoabastecemento. Tal é o caso das formas de xeración distribuída hoxe penalizadas.

(…) A poucos se lle escapa que nun mercado oligopólico como é o eléctrico no Estado español, os prezos son calquera cousa menos un xogo libre da oferta e a demanda. Non existe ese mercado libre porque non é libre o acceso á xeración de electricidade (…), non
é libre o acceso á distribución (…), e non é libre o acceso á comercialización (…).

As centrais de carbón e ciclo combinado acaban por determinar o prezo de todas as tecnoloxías, nun absurdo contábel que escandalizaría en calquera outro ámbito. Imaxinemos se non qué sucedería se o prezo de todos os artigos comprados en calquera mercado viñese marcado polo máis caro de todos eles. En definitiva, os custes computados á xeración de enerxía non se corresponden con custes reais senón cun criterio contábel que os eleva artificialmente.

(…) Se os custes de xeración están artificialmente establecidos, nas peaxes de acceso aparecen elementos varios de diversa natureza e que, en conxunto, poden chegar a supor o 40% do recibo da electricidade dun fogar. Entre eles están os montantes que corresponden a déficits tarifarios de anos anteriores (…) [que] derivan (…) de custes ficticios (…). Tamén se computan nas peaxes de acceso agregados de carácter compensatorio ás empresas eléctricas (…) ou tamén pagamentos a grandes consumidores como o servizo de interrumpibilidade. Outro agregado é, por exemplo a xestión de residuos nucleares. É cando menos significativo que se consideren igualmente os custes imputábeis á construción dun modelo enerxético máis sustentábel con outros que derivan de aparentes decisións erróneas de
investimento das eléctricas (…). É dicir prémiase do mesmo modo unha acción para aumentar a sustentabilidade que para o seu contrario. (…)

(…) deberíamos poñer en cuestión o feito mesmo da posibilidade de compensación se esta é medida en termos monetarios e valorada con criterios mercantís. Ningún val asolagado por un encoro, ningunha aldea desaparecida e ningunha poboación desprazada por un encoro ou unha mina de carbón a ceo aberto pode valorarse monetariamente de modo que digamos que ese valor constitúe o valor intrínseco ou restaura o ben ou servizo ambiental perdido ou restitúe o dano moral, familiar ou cultural desaparecidos. Hai elementos de carácter social e ambiental que son inconmensurábeis monetariamente. (…)

(…)

(…) qué facer cando o dano xa esta causado? Aquí caben varias posibilidades. (…) Compensar monetariamente ás persoas, colectivos, comunidades ou administracións afectadas. Pódese facer por varias vías: (…) o Dar beneficios vía prezos aos afectados. Neste último caso, é onde cabería falar dunha tarifa eléctrica diferenciada, considerando o conxunto da sociedade galega como suxeito que sofre ditas afectacións. En todo caso, considero que esa posibilidade non debería levar a que a redución tarifaria fose indiferenciada para toda a sociedade. Por exemplo, os grandes consumidores deberían ter unha penalización e non un beneficio tarifario, xa que en parte son atribuíbeis a eles moitos dos danos ambientais e sociais que se derivan do actual sistema enerxético. Pola contra, cando o consumo contribúa a usos colectivos, ou onde se acometan medidas de aforro enerxético, debería obterse unha compensación.

Unha reflexión sobre “Xoán Doldán fala no Parlamento de Galicia sobre Peak Oil e a necesidade de decrecer no consumo enerxético

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.