A Rede de Decrecemento Eo Navia/Galiza/O Bierzo ven desenvolvendo dende fai 5 meses unha intensa actividade de presentación e divulgación dunha serie de documentos co obxetivo de levar á sociedade o debate a respeto da evolución necesaria no sistema económico e social para transitar cara a un modelo que sexa de verdade sustentable a medio e longo prazo.
Varios membros da nosa asociación Véspera de Nada, están participando activamente, tanto na contribución á redacción dos documentos da Rede, coma na presentación da mesma por toda a biorrexión Eo Navia/ Galiza/ o Bierzo, considerando este labor como a continuación lóxica ao traballo de información e divulgación feito previamente desde Véspera de Nada.
A Rede de Decrecemento ten como obxetivo ir un paso máis aló na concienciación social a respeito de temas coma o peak dos combustibles fósiles, o cambio climático ou os límites do crecemento, e promover a reflexión e autoorganización da sociedade en torno a xeitos de vida máis simples e resilientes.
Estes actos de presentación da Rede e explicación dos seus obxetivos e ideario culminarán no I Congreso de Decrecemento, que pretende aglutinar a asociacións, colectivos, e persoas de toda a biorrexión que dalgún xeito están traballando xa con principios de vida e economía pospetróleo, co obxetivo de crear rede e xerar sinerxias entre elas.
É de salientar que é posible facer aportacións desde calquera ámbito aos relatorios que están aínda totalmente abertos á participación de todas as persoas que queiran colaborar ata a data do Congreso, que se celebrará previsiblemente no outono próximo. Así mesmo pode seguirse a actividade da Rede e as próximas presentación no seu blogue https://rededecrecemento.wordpress.com/actos-previstos/ e tamén en Facebook https://www.facebook.com/search/top/?q=rede%20de%20decrecemento%20eo-navia%20i%20galiza%20i%20o%20bierzo
Xa van oito actos de presentación feitos, en Betanzos, Santiago, Lugo, Vigo, A Veiga, Navia, Carballo e Ferrol, e hai previstos polo momento outros catro, na Coruña, Negueira de Muñiz, O Bierzo e Vigo.