Crónica do curso de tracción animal en Meire (Allariz)

Por Manuel Saavedra.

Do 27 ao 30 de xuño tivo lugar na parroquia de Meire (Allariz) un curso de horticultura con tracción animal, organizado polo GDR Limia-Arnoia coa colaboración da Associação Portuguesa de Tracção Animal (APTRAN), a Asociación Galega de Tracción Animal (AGATRAN) a Fédération Européenne du Cheval de Trait pour la promotion de son Utilisation (FECTU) e Mimá.

O curso comezou o xoves cunha conferencia de Óscar Pérez García sobre a horticultura familiar como alternativa de futuro para a agricultura galega, na que o poñente comentou distintas características propias do mercado hortícola galego (por exemplo, a necesidade de ter en conta as producións familiares de autoabastecemento á hora de escoller e priorizar determinados cultivos en certas épocas) e a necesidade de que os pequenos produtores establezan alianzas entre si. Seguidamente, os asistentes desprazáronse á horta de Mimá para coñecer os animais de traballo e as características morfolóxicas que deben ter. A mañá acabou cos alumnos guiando os animais con rédeas longas, despois de ver os distintos sistemas de arreos.

Á tarde, após a introdución e demostración dos instrutores, os alumnos fixeron as primeiras prácticas correspondentes aos traballos de preparación do solo con varias ferramentas que aínda se conservan en moitas casas de labranza galegas.

Tracción Animal

O venres, Ruth Labad tomou a palabra e explicou o exhaustivo sistema de planificación que utilizan en Fóra do Linde. Ruth subliñou a importancia de rotar os cultivos nas subparcelas da horta para evitar as pragas e enfermidades na medida do posíbel. Seguidamente, os asistentes voltaron á horta e arrearon os animais para facer os seus primeiros regos co arado, con máis ou menos xeito. A tarde dedicouse a seguir traballando coas ferramentas para a instalación de cultivos e a coñecer as ferramentas para os traballos intercalares, entre outras cousas, para limpar o horto de herbas adventicias.

O sábado, Abel Ibáñez, presidente da Asociación Nacional de Tracción Animal La Esteva, explicou os principios teóricos do manexo e da doma dos équidos para, posteriormente, facer unha demostración práctica do proceso de doma. Abel insistiu en que a doma debe ser un proceso gradual e que os animais deben ser adestrados en sesións curtas, que non superen os 20 minutos. O obxectivo máis importante é que os animais confíen no seu coidador, que ten que se mostrar seguro do que fai.

Pola tarde os instrutores presentaron as ferramentas utilizadas no proceso de colleitas e os vehículos para transportalas. Seguidamente, mostraron como hai que arrear a dous animais para utilizar un vehículo. Ademais, Miguel, de Mimá, fixo unha demostración de desherbe nunha leira de cebolas. Aproveitando que a tarde era aberta á comunidade, varias persoas da contorna de Allariz uníronse ao resto dos asistentes e puideron practicar cos animais os distintos traballos que se viron no curso.

O domingo, João B. Rodrigues, veterinario e presidente da APTRAN e da FECTU, ademais de colaborador de The Donkey Sanctuary, presentou as principais cuestións de profilaxia e veterinaria que se teñen que ter en conta nos équidos, así como distintos sistemas de manexo, entre eles o que el propio utiliza cos seus animais, de portas abertas. Para pechar o curso, dous colaboradores do The Donkey Sanctuary explicaron o uso de vehículos de carga cun só animal e falaron dos distintos problemas que costuman encontrar nas súas viaxes por comunidades de todo o mundo.

Durante os catro días de curso, os asistentes tivemos a oportunidade de aprender e practicar moito coa axuda duns poñentes de altísimo nivel. Ademais, a organización, excelente en todos os sentidos, contribuiu ao convivio entre instrutores e profesores ofrecendo a posibilidade de xantar todos os días con produtos das hortas de Mimá e Fóra do Linde, principalmente. Esta magnífica iniciativa, unha das propostas que se recollen na Guía para o descenso enerxético publicada por Véspera de Nada, terá continuidade do 3 ao 7 de outubro do 31 de outubro a 3 de novembro no Centro de Interpretación da Tracción Animal (CITRAN), cun curso sobre tracción animal no sector forestal.

Tracción Animal

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.